Tuesday 07 de May de 2024

Convocado o proceso de contratación de tres técnicos para atender as oficinas de información turística durante o verán


Os interesados dispoñen de 10 días para presentar as solicitudes

Tal e como se publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia, o Concello de Riveira acaba de convocar o proceso selectivo para a contratación de tres técnicos que atendan as oficinas municipais de información turística (situadas Xarás, Malecón e San Roque) durante este próximo verán.

Os interesados dispoñen de dez días para presentar as súas instancias para tomar parte no correspondente proceso selectivo. O modelo de instancia está a disposición tanto nas oficinas municipais como no sitio web do Concello (www.riveira.gal).

BASES DA CONVOCATORIA:

1ª.- OBXECTO DA CONVOCATORIA.
É obxecto desta convocatoria a contratación laboral temporal, a través do proceso de selección de oposición libre, de tres (3) técnicos/as para a atención das Oficinas Municipais de Información Turística polo período de tempo de tres meses (desde o 15 de xuño ata o 14 de setembro, ambos inclusive), coincidente coa tempada estival do ano 2016, todo elo de conformidade co disposto no Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, a Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Real Decreto Lexislativo 781/1986, de 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local; o Decreto Lexislativo 1/2008, de 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei da función pública de Galicia, o Real Decreto 2720/1998, de 18 de decembro, o Texto Refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, e demais disposicións de pertinente aplicación.

2ª.- MODALIDADE DE CONTRATACIÓN E DURACIÓN DO CONTRATO.
Os contratos formalizaranse baixo a modalidade de duración determinada, por obra ou servizo determinado, a tempo completo (40 horas semanais), en horario que se distribuirá segundo as necesidades e organización do servizo, en quendas de mañá, ou de tarde, tódolos días da semana, cos descansos que regulamentariamente correspondan.
Tendo en conta o obxecto do contrato, a prestación dos servizos realizarase durante o período comprendido do 15 de xuño ao 14 de setembro de 2016, ámbolos dous inclusive.
As retribucións básicas, complementarias e extraordinarias que corresponden ós postos de traballo, por tódolos conceptos, son as que figuran no Orzamento Municipal vixente para o actual exercicio económico, coas actualizacións que procedan para as seguintes anualidades. Neste caso concreto son as correspondentes ao Grupo III do Convenio, nivel 16.
As funcións dos técnicos/as das oficinas municipais de información turística son as seguintes: atención ao público, atención telefónica, dar resposta a información demandada a través de correo ordinario, fax e correo electrónico, preparación de material promocional turístico para distintas feiras e eventos, colaborar no deseño e na elaboración de rutas comarcais, realización de visitas guiadas, arquivar documentos e informes, cubrir formularios e elaborar informes estatísticos.

3ª.- CONDICIÓNS DOS ASPIRANTES.
Para tomar parte neste proceso selectivo, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:
 Ter a nacionalidade española. Tamén poderán participar os nacionais dos Estados membros da Unión Europea, o cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, calquera que sexa a súa nacionalidade e sempre que non estean separados de dereito, e os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinteún anos ou maiores de dita idade dependentes; as persoas incluídas no ámbito de aplicación dos Tratados Internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España nos que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores; e os estranxeiros con residencia legal en España.
 Ter cumpridos 16 anos de idade e non exceder, no seu caso, da idade máxima de xubilación forzosa.
 Estar en posesión (ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de instancias) dalgún dos seguintes títulos: técnico superior en información e comercialización turística ou técnico superior en guía, información e asistencia turística; técnico en empresas e actividades turísticas, ou grao ou diplomado/a en turismo ou equivalente homologado. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión (na mesma data do remate do prazo para presenta-las instancias) da Credencial que acredite a súa homologación, expedida polo Organismo competente.
 Como medida de fomento de emprego, o persoal deberá figurar como desempregado no Servizo Público de Emprego de Galicia. Este requisito debe cumprirse tanto no momento da solicitude como no momento da contratación.
 Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida o desempeño das funcións propias do posto de traballo para o que se opta. A estes efectos, establécese a igualdade de condicións das persoas minusválidas cos demais aspirantes, non podendo fixarse con carácter xeral limitacións físicas ou psíquicas senón nos casos en que sexan incompatibles co normal desempeño do traballo correspondente, adoptándose polo Tribunal Cualificador medidas e medios para a realización das probas, de forma que gocen de igualdade de oportunidades cos demais participantes. A condición de minusvalía e a súa compatibilidade acreditarase con certificación expedida polo organismo competente.
 Non incorrer en causa de incompatibilidade ou de incapacidade, conforme á normativa vixente.
 Non haber sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das Administracións Públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades Autónomas, nin se achar en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario, ou para exercer funcións similares ás que desempeñaban no caso do persoal laboral, no que houbese sido separado ou inhabilitado. No caso de ser nacional doutro Estado, non acharse inhabilitado ou en situación equivalente nin haber sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.
Tódolos requisitos esixidos nesta Base deberanse cumprir polos aspirantes na data en que remate o prazo de presentación de instancias, e mantelos ata o momento da formalización dos contratos.

4ª.- PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.
As solicitudes para tomar parte neste proceso selectivo faranse mediante instancia dirixida ó señor Alcalde, en modelo que se facilitará no Rexistro Xeral da Corporación, na que se fará constar que se reúnen todos e cada un dos requisitos establecidos na Base Terceira desta convocatoria.
Os aspirantes con algunha capacidade diminuída terán que indicalo na solicitude, acompañada da correspondente documentación acreditativa da minusvalía. Así mesmo, terán que solicita-las posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria.
As ditas solicitudes presentaranse no citado Rexistro Xeral (os días laborais de 9:30 a 13’30 horas, agás os sábados que o Rexistro pecha ás 13:00 horas) durante o prazo de 10 días naturais, que se iniciará o día seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Tamén poderanse presentar na forma que determina o artigo 38.4 da Lei 30/1992, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común; neste caso, os aspirantes deberán comunicalo mediante telegrama ou telefax durante o mesmo prazo que o de presentación de instancias. Tamén poderán comunicalo enviando un e-mail á seguinte dirección de correo electrónico: tecpersonal@riveira.com
En cumprimento do artigo 28 do Convenio Colectivo do Persoal Laboral do Concello de Riveira a convocatoria tamén se anunciará nun xornal de tirada provincial. Así mesmo se procederá á súa publicación no Taboleiro de Edictos e na páxina web municipal.
Á instancia unirase:
a) Xustificante acreditativo de ter ingresado na Tesourería Municipal a cantidade de 16,23 euros en concepto de dereitos de exame. O dito importe poderase facer efectivo ben directamente nas arcas municipais ou ben mediante xiro postal ou telegráfico, así como mediante ingreso na seguinte conta municipal (cos datos persoais do aspirante e praza á que opta), número de conta de BBVA: ES54- 0182-5820-13-0000002454, e será devolto unicamente no caso de que o aspirante non sexa admitido ó proceso selectivo por falta dos requisitos esixidos para participar no mesmo ou por presenta-la solicitude fóra de prazo. O reintegro dos dereitos de exame realizarase de oficio, sempre que o aspirante facilite, coa súa instancia, os datos bancarios necesarios para facer a devolución. En ningún caso a presentación e pago da taxa por dereitos de exame suporá a substitución do trámite de presentación da instancia.
b) Copia compulsada do Documento Nacional de Identidade ou documento identificativo.
c) Copia compulsada da titulación académica esixida para participar na convocatoria.
d) Certificado conforme consta inscrito/a como demandante de emprego no Servizo Público de Empleo de Galicia. Tal e como consta na base 3ª
Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e sexan nacionais dun Estado membro da Unión Europea, con dereito a participar nalgún proceso selectivo, deberán presentar unha fotocopia do Pasaporte ou documento que acredite a súa identidade e nacionalidade. De se-lo caso, tamén presentaran os documentos que confirmen o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo dunha persoa nacional doutro Estado co que teña o dito vínculo. Así mesmo, deberán achegar unha declaración xurada ou promesa da dita persoa de que non está separado de dereito do seu cónxuxe e, de se-lo caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou de que está ó seu cargo.
Os demais aspirantes estranxeiros, xunto coa fotocopia do seu Pasaporte en vigor, deberán acompañar copia do documento que acredite que están habilitados a residir e a poder acceder sen limitación ó mercado laboral en España.
Coa presentación da instancia para tomar parte no proceso selectivo entenderase que os interesados aceptan e acatan todas e cada unha das Bases desta convocatoria.

5ª.- ADMISIÓN DOS ASPIRANTES.
Rematado o prazo de presentación de instancias, a Alcaldía ditará resolución no prazo máximo de dez días hábiles, declarando aprobada a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con indicación, se é o caso, das causas de exclusión. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios do Concello e será determinante para os efectos de posibles impugnacións e recursos, de conformidade co previsto na lei. Así mesmo, e sempre que sexa posible, a citada resolución publicarase, a título informativo e complementario, na web do concello (www.riveira.es).
Os aspirantes excluídos dispoñen dun prazo de cinco días hábiles, contado desde o seguinte ó da publicación da antedita resolución, para presentar as reclamacións oportunas ou emendas de defectos.
A presentación de reclamacións, no seu caso, non suspenderá o proceso selectivo, salvo que así o acorde a Alcaldía.
Posteriormente, o Alcalde declarará aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que se publicará no taboleiro de anuncios do Concello. Na mesma resolución o alcalde determinará o lugar, data e hora do comezo do proceso selectivo, así como a composición do Órgano de selección. Así mesmo, e sempre que sexa posible, a citada resolución publicarase, a título informativo e complementario, na web do concello (www.riveira.es).
A inclusión dos aspirantes nas listas de admitidos non supón, en ningún caso, o recoñecemento por parte desta Administración Municipal de que aqueles reúnen os requisitos esixidos para ser nomeados para a súa contratación, requisitos que se deberán acreditar segundo o establecido na Base 9ª.

6ª.- TRIBUNAL CUALIFICADOR.
Os membros do tribunal cualificador serán designados polo Alcalde segundo o disposto no artigo 60 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da lei do estatuto básico do empregado público, e en atención ó principio de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros.
Estará constituído por un número impar de membros, funcionarios de carreira ou persoal laboral fixo, non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de suplentes.
A totalidade dos seus membros deberá posuír un nivel de titulación igual ou superior á esixida para o acceso á praza obxecto desta convocatoria.
Deberá tenderse na súa composición, á paridade entre home e muller.
A pertenza ó mesmo será sempre a título individual non pudendo ostentarse esta en representación ou por conta de ninguén.
Non poderán formar parte do Tribunal os funcionarios ou laborais fixos que realizaran tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria.
O Tribunal de selección poderá dispoñer a incorporación de asesores especialistas, para todas ou algunhas das probas, que colaborarán co órgano de selección exclusivamente no exercicio das súas especialidades técnicas sen que sexan integrantes do Tribunal, correspondéndolle o asesoramento e ilustración do parecer dos seus membros.
O Tribunal cualificador estará integrado do seguinte xeito:
Presidente: Un funcionario de carreira ou persoal laboral fixo.
Vogais: Tres funcionarios de carreira ou persoal laboral fixo.
Secretario: Un funcionario de carreira ou persoal laboral fixo, que actuará con voz e voto.
A súa composición farase pública na mesma Resolución da Alcaldía pola que se aproba a lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.
Os membros do Tribunal deberán absterse de intervir, notificándoo á autoridade convocante, cando concorran as circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992 citada.
Igualmente, os aspirantes poderán recusar ós membros do Tribunal cando concorra algunha das circunstancias a que se refire o parágrafo anterior.
O Tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros (sexan titulares ou suplentes, indistintamente). En todo caso, será precisa a asistencia do Presidente e do Secretario.
O Tribunal Cualificador queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e para toma-los acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo, en todo o non previsto nestas Bases.
Ós efectos de percepción de dietas por asistencias por parte dos membros concorrentes ás sesións que celebre o Tribunal Cualificador, estarase ó disposto nos artigos 29 e seguintes do Real Decreto 462/2002, de 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.

7ª.- DESENVOLVEMENTO DO PROCESO SELECTIVO.
A data e máis a hora na que deberá constituírse o tribunal, así como o día e a hora para o comezo do proceso selectivo convocado serán determinados polo Alcalde mediante resolución, xuntamente coa aprobación da lista definitiva de admitidos e excluídos e a composición do tribunal, que se publicará no taboleiro de anuncios do Concello.
O sistema de selección é o de OPOSICIÓN LIBRE, que consistirá na realización dos seguintes exercicios:
Primeiro exercicio: Proba de avaliación de coñecementos. De carácter obrigatorio, consistente en contestar por escrito, no tempo máximo dunha hora, un cuestionario de cincuenta (50) preguntas tipo test, relativas á historia de Riveira e a súa Comarca, á realidade física e xeográfica do termo municipal e aos recursos patrimoniais e turísticos que posúe.
Este exercicio é eliminatorio, e valorarase ata o máximo de 10 puntos (a razón de 0,2 puntos cada resposta correcta), sendo excluídos os participantes que non acaden o mínimo de 6 puntos (30 respostas correctas).
Segundo exercicio: Proba de coñecemento do idioma inglés. De carácter obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá na realización dunha proba oral sobre o coñecemento do idioma inglés mediante unha conversa de cada aspirante con membros do Tribunal Cualificador ou os expertos que este determine e que terá unha duración máxima de dez (10) minutos. Este exercicio será cualificado entre 0 (cero) e 10 (dez) puntos.
Os aspirantes serán convocados en chamamento único, quedando decaídos no seu dereito aqueles que non comparezan, salvo casos de forza maior debidamente xustificados e apreciados discrecionalmente polo tribunal.
Os aspirantes deberán presentarse provistos do D.N.I., ou documento fidedigno acreditativo da súa personalidade a xuízo do tribunal, e tamén os medios materiais adecuados que sexan necesarios para a práctica daquela.
Comezada a práctica dos exercicios, o tribunal poderá requirirlles en calquera momento aos aspirantes que acrediten a súa identidade.
A publicación dos resultados obtidos no proceso selectivo, así como o anuncio de convocatoria dos aspirantes, farase exclusivamente no Taboleiro de Anuncios da Casa do Concello. Así mesmo, e sempre que sexa posible, publicarase, a título informativo e complementario, na web do concello (www.riveira.es).

8ª.- PROPOSTA DE CONTRATACIÓN E LISTA COMPLEMENTARIA DE RESERVA.
Concluída a cualificación final do proceso selectivo, o Tribunal publicará no citado Taboleiro de Anuncios a relación dos aspirantes aprobados por orde de puntuación total final, con especificación da mesma, e elevará a correspondente proposta de contratación a favor dos aspirantes que obtiveran a puntuación máis alta (o Tribunal Cualificador non poderá facer proposta de contratación a favor dun número de aspirantes superior ó das prazas convocadas).
De se producir empate na puntuación final, para dirimilo teranse en conta as puntuacións parciais acadadas no proceso selectivo pola orde de realización dos exercicios da oposición.
O Tribunal elaborará, tamén por orden decrecente de puntuación, unha lista de reserva, cun número de aspirantes que será como máximo igual ao de aprobados, na que figurarán aqueles aspirantes que, aínda que superasen o proceso selectivo, non resultasen aprobados por obter unha puntuación de ordinal inferior ao número de prazas convocadas.
No caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para o nomeamento, incapacidade absoluta sobrevida, ou outros supostos nos que o aspirante aprobado non chegue a formaliza-lo contrato de traballo, o órgano convocante poderá substituílo polo seguinte na orde de puntuación da lista complementaria de reserva, segundo a orde de puntuación acadada, de conformidade co previsto no artigo 61.8 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público.
No caso de quedar deserto o proceso selectivo por non superar ningún aspirante a proba ou por non presentarse ningún a esta, o Sr. Alcalde queda autorizado a convocalo novamente cantas veces fose necesario, de conformidade coas presentes bases.

9ª.- PRESENTACIÓN DE DOCUMENTOS.
No prazo de cinco días naturais seguintes á data da publicación do resultado da selección, os aspirantes seleccionados deberá xustificar que reúnen os requisitos esixidos na Base 3ª desta convocatoria, presentando os documentos que non foran xa presentados xunto coa solicitude para tomar parte neste proceso selectivo, é dicir:
a) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas por sentenza xudicial firme.
b) Declaración xurada de non estar incurso en ningunha causa de incapacidade ou incompatibilidade de conformidade coa lexislación vixente.
c) Certificación médica acreditativa de non padecer enfermidade ou eiva física que imposibilite o normal exercicio da función.
d) Número de afiliación á Seguridade Social.
e) Certificado conforme consta inscrito/a como demandante de emprego no Servizo Público de Empleo de Galicia. Tal e como consta na base 3ª
Se dentro do prazo indicado, salvo casos de forza maior, os aspirantes propostos non presentaran a súa documentación ou non acreditaran reuni-los requisitos esixidos, non se poderá proceder ó seu nomeamento, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades en que puidera ter incorrido por falsidade na instancia ou na documentación presentada para tomar parte neste proceso selectivo.

10ª.- NOMEAMENTO.
Unha vez presentada a documentación a que se refire o apartado anterior, o órgano competente da Corporación fará o nomeamento a favor dos aspirantes propostos polo Tribunal Cualificador.
Serán nulos os nomeamentos que se efectúen a favor de aspirantes que estean incursos en causas de incapacidade específica conforme á normativa vixente.

11ª.- FORMALIZACIÓN DOS CONTRATOS.
A formalización do contrato terá lugar dentro do prazo de cinco días naturais, a contar desde a data de notificación do acordo de nomeamento. Quen no prazo indicado non formalice o contrato sen causa xustificada quedará na situación de cesante, con perda de tódolos dereitos derivados da convocatoria e do nomeamento conferido.
Previamente á sinatura do contrato, o aspirante nomeado deberá subscribi-la declaración a que se refire o artigo 13.1 do Real Decreto 598/1985, de 30 de abril, sobre incompatibilidades.
Mentres non se formalice o contrato e non se incorporen ó posto de traballo, o aspirante non terá dereito a percepción económica de ningunha clase.
A persoa contratada estará obrigada a presta-la súa xornada de traballo na medida e forma requiridas polo interese do servizo, con horario de mañá ou de tarde, ou fraccionando a xornada se fora preciso, e de acordo coa lexislación aplicable.

12ª.- PERIODO DE PROBA.
O persoal contratado quedará sometido a un período de proba de quince días, de conformidade co artigo 14 do Estatuto dos Traballadores, agás cando o traballador/a xa tivera desempeñado as mesmas funcións con anterioridade neste Concello, baixo calquera modalidade de contratación.
Este período de proba non se considerará interrompido polas situacións de incapacidade temporal, maternidade, e adopción ou acollemento, que poidan afectar ao traballador/a.

13ª.- BOLSA DE EMPREGO.
A lista complementaria de reserva prevista na Base 8ª constituirase nunha bolsa de emprego, á que se acudirá para o caso de que algunha das prazas contratadas ó abeiro desta convocatoria quedase definitivamente vacante por algunha circunstancia ou para realizar algunha substitución temporal con reserva de praza (referida a estas prazas).
Os/as aspirantes que resultasen nomeados no proceso regulado nestas bases, unha vez rematada a duración dos contratos laborais ao que estas se refiren, pasarán a formar parte desta bolsa na orde que lle corresponda póla súa puntuación.
Para cubrir estes postos no período da Semana Santa do vindeiro ano, ou mesmo no caso de se producir unha vacante nun posto de traballo de igual categoría ou cualificación existente no cadro de persoal deste Concello, ou cando haxa que substituír a un traballador con dereito a reserva do posto de traballo, tamén de igual categoría ou cualificación, acudirase á referida bolsa de emprego.
Producida a necesidade de cobertura temporal dun posto de traballo o departamento de secretaría e servizos xerais avisará á persoa que, segundo a orde de prelación, lle corresponde ser contratada. No caso de que este persoa non estea dispoñible ou renuncie a ocupar o posto de traballo seguirase o chamamento segundo a orde de prelación establecida na bolsa de emprego.
Os chamamentos faranse por escrito de xeito que permita a constancia da recepción. Asemade poderase avisar por teléfono ao interesado, debendo quedar constancia, en todo caso, da data e hora en que cada aspirante sexa requirido, mediante dilixencia estendida ao efecto polo funcionario que os realizase.
A orde de selección dos aspirantes incluídos na bolsa de emprego irase modificando cos conseguintes nomeamentos e contratacións, de acordo coas seguintes regras:
a) Se o aspirante chamado non puidera ser nomeado por causa debidamente xustificada e discrecionalmente apreciada polo órgano competente desta Administración, conservará a súa orde de prelación na bolsa de emprego; en caso contrario, será excluído da mesma.
b) Se calquera dos integrantes da bolsa de emprego renunciara a formar parte da mesma, ou unha vez nomeado renunciara, fora separado do servizo por sanción disciplinaria e/ou por despido declarado procedente, será excluído daquela.
c) Se unha vez nomeado e contratado un aspirante ó abeiro desta Base, o tempo traballado fora inferior a un ano, retornará ó posto que ocupaba na orde de prelación da bolsa de emprego no momento de ser chamado; se o período de nomeamento ou contratación fora igual ou superior a un ano, pasará a ocupa-lo último lugar da lista.
En razón da urxencia dos chamamentos, queda facultada a Alcaldía para realiza-los nomeamentos temporais a que se refire esta Base.
Esta Base terá vixencia entre tanto non se leve a cabo un novo proceso selectivo para a contratación de postos de igual categoría, perdendo validez, neste caso, a bolsa de emprego que ata entón estivera vixente, pero sen que isto afecte ó persoal nomeado en virtude da mesma e durante a súa vixencia.
Non obstante todo o anterior, o Órgano competente da Corporación poderá optar pola aprobación de bases específicas e a celebración das pertinentes probas selectivas para a cobertura temporal daqueles postos que así o estime.

14ª.- NORMAS FINAIS.
Primeira.- Para todo o non previsto nestas Bases, ou naquilo que as contradigan, será de aplicación supletoria o establecido no Real Decreto Lexislativo do Estatuto Básico do Empregado Público, na Lei Reguladora das Bases do Réxime Local, na Lei de Administración Local de Galicia, na Lei de Medidas para a Reforma da Función Pública, no texto refundido da Lei da Función Pública de Galicia, no Real Decreto 896/1991 (sobre regras básicas e programas mínimos a que debe axustarse o procedemento de selección dos funcionarios da Administración Local), no Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, no Real Decreto 364/1995 (polo que se aproba o Regulamento Xeral de Ingreso do Persoal ó servizo da Administración do Estado), no Texto Refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, e na demais lexislación vixente que sexa de aplicación.
Segunda.- Agás a convocatoria, que se publicará segundo se establece na Base 4ª, os sucesivos actos e comunicacións que se deriven da celebración deste proceso selectivo faranse públicos, exclusivamente, a través do Taboleiro de Anuncios da Casa do Concello. Sempre que sexa posible, poderá publicarse, a título informativo e complementario, na web oficial do Concello (www.riveira.es), no apartado “emprego público”. Estas publicacións na web non terán validez a efectos de cómputo de prazos e a información de carácter persoal contida nas mesmas será posible baixo a consideración de que os aspirantes, coa sinatura da instancia solicitando participar no proceso selectivo, se someten e aceptan todo o clausulado establecido na presente convocatoria e bases reguladoras. Os restantes usos dos datos persoais contados nas solicitudes será de carácter interno e uso restrinxido.
Terceira.- Tódolos actos administrativos derivados desta convocatoria, así como da actuación do Tribunal Cualificador, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos pola Lei de Procedemento Administrativo e normas vixentes concordantes.
A presentación de reclamacións non suspenderá a prosecución do proceso selectivo, salvo que así o decida o órgano convocante do mesmo.
Cuarta.- Contra as presentes Bases e a resolución que as aproba, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer RECURSO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO ante o Xulgado Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ó da publicación da convocatoria.
Con carácter potestativo e previo, poderá interpoñerse RECURSO DE REPOSICIÓN ante o mesmo Órgano que adoptou o acordo de aprobación, no prazo de un mes, contado desde o día seguinte ó da publicación da convocatoria. Neste caso non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto. Neste último suposto, o prazo para a interposición do recurso contencioso-administrativo será de seis meses contado desde o día seguinte a aquel no que se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.
Todo iso sen prexuízo de que poida exercitar calquera outro que estime procedente.